sábado, 16 de decembro de 2017

Entrega de premios












O venres procedemos á entrega de premios do concurso Dillo ti: carta a un maltratador
Noraboa a tod@s @s participantes e moitas grazas

Eis a listaxe dos gañadores:
2º ESO: Jeni Belén Acosta
              Daniel Mariño
3º ESO : Óscar Núñez
               Lola Wei
               Fátima García
4º ESO: Iria García
              Eva Fernández
              Xoán Bonome
              Patricia Rama
E os gañadores do concurso de Chíos pola Igualdade, foron:
              Jorge Macia Cuevas
              Marco Barral García.
Moitos parabéns a tod@s



martes, 28 de novembro de 2017

DILLO A QUEN MALTRATA

Velaí unhas cantas cartas do noso alumnado que ben merecen ser lidas para reflexionar sobre A VIOLENCIA DE XÉNERO e acabar así con esa lacra social. DILLO A QUEN MALTRATA.

Querido” Xabier:

Xa que é unha carta será conveniente respectar os formalismos que esta nos impón.
Se ata unha carta nos impón algo, soamente un medio de comunicación xa anticuado, imaxínate o que pode facer algo máis grande e forte...algo coma...ti? Si, es ti ao que me refiro.
Imaxínate o que se sente cando alguén te intimida,te acorrala e te insulta. Fai que te sintas pequena, diminuta, inservible. Consegue que ti mesma creas que só eres un obxecto. Mellor dito: O SEU obxecto.
Imaxínate a dor que se sente cando alguén te golpea e che fai dano exteriormente, claro, que é o que se ve; pero tamén existe a dor interior. Esta é irreparable, dolorosa e insoportable pero… Que vas saber ti?
Ti isto ti non o comprendes. Non tes nin idea, a túa sensación máis parecida a esta foi cando, de pequeno, caías xogando ao pilla-pilla. Ti ves isto dende outro punto de vista, o máis alto, ti sénteste poderoso, por someter a alguén desta maneira; indestrutible, porque eu non me podería revelar contra ti pero, o peor, é que non te arrepintes dos teus actos senón que te sentes orgulloso.
Con esta carta , só che pido que penses no que sinte a persoa que está baixo os teus pés. E son amable, xa que so é unha súplica, un rogo e non te intimido, te insulto, te golpeo e fágoche creer que estás só nunha escuridade afogante onde a máxima luz é un raio negro cando ti desapareces durante horas, aínda que iso so non é nada comparado co que ven despois.
Así, despídome:
Nunca máis túa

ROSA

                                                                          PATRICIA RAMA 4º B

--------------------------------------------------------------------------------------------


CARTA DE VIOLENCIA DE XÉNERO


Mal querido agresor:
Ola, lembras o ano no que coñeciches á túa muller, perdoa, exmuller. Estabades sempre xuntos e queríadesvos máis que nada neste mundo, riades xuntos, chorabades xuntos e enfadabadesvos xuntos, a maioria das veces sen ningún motivo e sempre o solucionabades. Cal foi o motivo polo que estes anos remataron? Ti acabaches no cárcere e ela... xa sabemos o que lle pasou.
Comezaches a insultala, con insultos que a ela a ferían moito pero ti nin te decatabas. Despois empezaches a ameazala e mesmo tamén á súa familia. Ela xa estaba cansa de ti pero seguiu aturando as túas ameazas e insultos. Cando perdiches o teu traballo enfadácheste moitísimo e a rabia que tiñas soltachea contra túa muller, pegandolle, insultandoa e ameazandoa. Este suceso foi a gota que colmou o vaso, a razón pola que ela decidiu pedir o divorcio.
Ti non aceptaches que ela se fose e decidiches vingarte, e non se che ocorreu outra cousa que esperala depois do traballo e apuñalala polas costas cando ninguén miraba.
Esperaches que ninguén te mirase, porque es un covardee non sabes enfrontar os problemas se non é con violencia, porque a sociedade de hoxe en día xa non atura máis aos maltratadores e xente coma ti xa non pode ter cabida nestes tempos actuais. Hoxe esiximos respeto e nas escolas aprendemos que todos somos iguais, que temos os mesmos dereitos ca vós e que ese valores impediran que o día de maña haxa persoas como ti, porque xa non calareimos máis. Diremos: BASTA XA!


                                                      Eva Fernández Carrón 4ºB

sábado, 25 de novembro de 2017

FALAMOS

Participamos o mércores, 22 de novembro , no Falamos, organizado polo SNL do Concello no Fórum  Metropolitano. Este ano, coa presenza de Núñez Singala e MJ.
Foi unha xornada de reflexión sobre nós e sobre a lingua, sobre a liberdade e as escollas.


DILLO TI

Eis algunhas das cartas  coas que o noso alumnado participou no concurso deste ano.





CARTA A UN MALTRATADOR
Para ti, maltratador:

Que o es, que lle pegaches, que a humillaches, que a menosprezaches...por que, por que a maltratas?Dirás que a culpa é súa, que te está volvendo tolo, que ti só intentas educala e por riba chora, que vive do teu soldo.

Por que se queixa? Preguntaraste. Voucho dicir: quéixase porque non vive , porque fas que se sinta inferior, mala, fea.... Acovárdala, ameázala, dáslle patadas... Patadas que eu tamén sufría.

Mais todo iso rematou un día:

Eran as oito da mañá, mamá estaba sentada no sofá, morta de sono, cansa de limpar, de fregar, de cociñar, con olleiras. Non durmira en toda a noite por medo a que apareceses, a que chegases e che apetecese pegarlle para ocultar a túa borracheira, como facías habitualmente. Ela seguía alí, resistindo; xa limpara a TÚA casa, planchara a TÚA roupa, lavara os TEUS pratos. Mentres, eu durmía, mais acababa de espertar. Porque,de súpeto, oíuse como metías a chave na pechadura, abriuse a porta e apareceches ti, coa camisa por fóra, vociferando. Mamá tiña medo, e eu tamén. Porque por moitas veces que viviamos esta escena, nunca nos acostumabamos a ela. Ás veces mamá pensaba "e se se lle vai a man e me mata?" Pero cría que tiña que aguantar, que ti eras bo porque lle dabas unha casa e unha " vida". Eu intentaba explicarlle como eras e realidade, que podiamos fuxir os dous, pero non era quen de darme a entender.
Ti aínda non acabaras a festa, querías máis e agarráchela. Mamá díxoche que non era o momento, que estaba cansa. Pero ti seguías coas túas, baixácheste os pantalóns... Pero esta vez o final ía ser distinto, mamá agarroute e deuche unha bofetada. Aínda recordo a túa cara nese momento, estabas confuso, ela nunca se negara a nada, e sorprendeute.
Nese momento mamá e máis eu marchamos correndo da casa, durmimos durante uns meses na casa da tía. Mamá denuncioute e deixou que a xustiza resolvese todo.
Agora, que sei que estás no cárcere diríxome a ti. Escríboche esta carta para dicirche que eu nunca fun quen de pronunciar a palabra "papá", que non estou orgulloso de levar o teu apelido, que cando todos os compañeiros da clase presumen de seus pais, eu teño que calar e chorar, choro de impotencia, choro porque sei que o meu pai non é unha persoa, é un monstro.
Mamá tivo o valor de fuxir e resolver o problema, pero hai moitas mulleres que seguen sufrindo por culpa de persoas coma ti. Eu non  estou disposto a permitilo. Por iso, agora máis que nunca:

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

ÓSCAR NÚÑEZ MAYO, 3º C

sábado, 11 de novembro de 2017

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Non a ningún tipo de violencia. As diferenzas resolvense a través da palabra e da comprensión. poñéndose no lugar do outro ou outra.
Velaquí un vídeo musical titulado MULLER dun grupo de alumnas de 3º da ESO do IES de Teo, grupo chamado MÁIS BOAS CÁS PATACAS (MBCP)


 

martes, 17 de outubro de 2017

Novelas do alumnado de 4º da ESO por capítulos

Este curso o alumnado de 3º e 4º da ESO escribirá  pequenas novelas entre todos os de cada grupo que iremos publicando neste blog para que toda a comunidade educativa vaia lendo. Cada alumno/a irá escribindo o seu pequeno capítulo e o seguinte continuárao ata o derradeiro da aula.




Vanesa Santiago gaña o Illa Nova de Narrativa con 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento'


Vanesa Santiago é a gañadora da I edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos, convocado por Galaxia. 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento' , a obra gañadora, é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas”.

   -------------------------------------------------------------------------------------------------
                        1º CAPÍTULO da novela de 4º B, MARTA ARCE 



Unha paisaxe de árbores verdes e frondosos abríase diante de min. Pola ventá do coche podía observar algunha que outra casiña no medio daquel campo mollado, xunto cuanha chea de cabalos e vacas que pastaban na frescura da mañá. Era una imaxe moi distinta de onde eu viña, e preguntábame canto tempo levaríame adaptarme ao clima de Galicia. Decidín deixar de mirar pola ventá xa que a velocidade do coche e as incesantes curvas estaban comezando a marearme. A medida que pasaban os minutos de traxecto íanse vendo algúns edificios, rúas con pequenos mercados e incluso cafeterías entre as prazas e parques das pequenas zonas urbanísticas. Algúns destes pequenos bloques estaban apenas a un par de minutos de distancia pola estrada, o que me fixo pensar se todos eses edificios formaban parte dun mesmo pobo ou se pertencían  a sitios completamente distintos.

Inmerso nestes pensamentos provocados polo aburrimento de todas as horas de viaxe case non me din conta de que estabamos parados. Detivémonos nun terreo de pouco tamaño, cheo de arbustos cunhas olorosas flores amarelas e un par de árbores altas e fortes. Xuraría que se trataba de dous vellos carballos, pero a botánica nunca foi un dos meus pasatempos favoritos precisamente. Pero, desde logo, o que máis chamaba a atención era a enome casa que se erguía na fronte. Era a case toda dunha cor amarela pálida con certas partes brancas decorando a fachada, que a xulgar polo seu aspecto impecable, fora pintada recientemente. O tellado estaba conformado polas clásicas tellas vermellas dunha casa antiga, mais tiña algo que facíaa máis moderna comparada coas outras casas dos arredores, aínda que non sabería decir exactamente o que. Desabrochei o cinto e estirei o pescozo, dolorido das contracturas causadas polos incómodos asentos do automóvil. Pasei a man polo abundante e despeiteado pelo negro que levaba aquel dia nunha  pequeña cola e abrín a porta do coche. Apenas puxen un pé na terra e xa notei un xélido vento recorréndome as costas en forma de calafrío.
-Xa chegamos. Que vos parece?- exclamou o meu pai orgulloso cos brazos na cadeira, coma se dun descubrimento se tratase.
-É incluso máis bonito in sito que nas fotos  que nos mandara Pili.- afirmou a miña nai.
A tía Pili foi a encargada de buscar a nosa nova casa. É a irma do meu pai, e está a cargo dunha inmobiliaria bastante coñecida alá en Madrid. Meu pai faláralle dos plans da mudanza, e grazas aos seus contactos conseguimos esta casa bastante máis barata co seu prezo orixinal.
-A todo isto, a que hora chegaba?- preguntei.
-Pregúntalo pola tua irmá? Xa a botas de menos ou que?- contestoume o meu pai mentras que a miña nai ría.
-Por min coma se queda polo camino…- murmurei entre dentes.
Carla, a miña irmá, viña con Pili en coche, máis que nada porque é a persoa que máis caso lle facía. Malia levarlle cinco anos, sempre preferiu comportarse coma se fose a maior. Por suposto nunca foi polo seu sentido da responsabilidade senón máis ben polo seu egocentrismo e ganas de ser o centro de atención en público. Non creo ter suficientes calificativos para describila, así que quedareime coa ¨arrogante, molesta e caprichosa da miña irmá¨.
Alégrome de non tela tido que soportar nesta seis largas horas de viaxe.
-Xa vai sendo hora de ir entrando. Vés, Nico?
  

 --------------------------------------------------------------------------------------------------
                   
                       1º CAPÍTULO da novela de 4º A, JULIÁN AMENEDO



O COMEZO


Ao principio dos tempos houbo un personaxe chamado Neru, que vivía no Ceo, nas nubes, no seu palacio. El precisaba de algo que facer, co que entreterse, polo que decidiu facer o Baleiro e a Terra, máis pensou que aínda lle seguía a faltar algo, polo que tras moitos días creou os gardiáns, que eran anxos de pelo longo, e para distinguilos  creou a cada un cunha cor de pelo diferente. Os dous primeiros, que eran máis poderosos ca o resto, tiñan o pelo negro e branco, e o resto tiñan o pelo de cor vermella, laranxa, amarela, verde, azul turquesa e violeta. A cada un bautizouno co nome da cor da que tiña o pelo, posto que non daba discurrido nada orixinal e estaba canso, moi canso.

    Tras unha semana durmindo, Neru espertou e seguía pensando que lle faltaba algo, así que roubou os pensamentos dos gardiáns e creou con eles os 9 reinos e os seus habitantes. Había algúns que tiñan uns poderes especiais, e eran coñecidos como fillos da lúa.

No de Vermello a superficie era terra de cor negra, con volcáns e ríos de lava, aínda que os volcáns tamén servían de casa, e os seus habitantes eran humanos pero feitos de pedra dunha cor grisácea, e máis anchos que os demais. Os fillos da lúa que vivían neste reino tiñan o poder de crear lume e dominalo.
No de Laranxa había só había estradas e beirarrúas e edificios iguais, cadrados, e no centro unha cúpula inmensa , na que os robots, que eran os habitantes da cidade ían  traballar. Ningún destes tiña ningún poder especial, aínda que podían elevarse e voar entre outras cousas.
    No de Amarelo había un tremendo deserto, sen auga, sen plantas...só deserto e palmeiras feitas de cristal duns 500m. de alto que servían como casa ou oficina, posto que traballaban en informática, coma os robots. Os seus habitantes eran humanos normais, pero envoltos en panos coma se fosen momias, e os fillos da lúa deste reino podían cambiar de aspecto.
    No de Verde florecían as plantas e había regatos de auga, posto que era unha selva. As casas eran de madeira , e podían estar no chan ou nas árbores. Estes vivían do que cultivaban ou recollían da natureza e os fillos da lúa deste reino tiñan o poder de controlar a outros seres vivos.
    O de Azul era o único reino que estaba no Gran Mar, baixo a auga, con cidades rodeadas dunha cúpula de cristal. Vivían da pesca. Eran humanos con escamas, e aínda que non o pareza , podían respirar fóra da auga. Os fillos da lúa deste reino podían controlar a auga e camiñar sobre ela.
    O de Turquesa estaba situado no Norte e no Sur do planeta e conectábanse a través de minas que era no que traballaban os seus habitantes. Estes eran simios co pelo branco e pel de cor beixe. Vivían en iglús, e como os robots, tampouco tiña ningún deles ningún  poder especial, pero todos podían cambiar a súa temperatura corporal.
    E o de Violeta estaba formado só por montañas  que superasen os 2500m de altura, nas que vivían os mineiros, eran humanos con ollos completamente brancos, sen nariz avultado pero cos dous orificios nasais e mans con seis dedos, posto que tiñan dous pulgares, un arriba e un abaixo. Vivían da minería e tiñan unha rede de minas baixo terra que conectaba as montañas. Os fillos da lúa deste reino podían controlar a terra e darlle forma.

    No medio do Gran Mar atopábase a Illa Solitaria, que era unha illa deshabitada mais no medio tiña dous pazos, que eran dúas caixas de cor branca e de cor negra, con dúas portas da mesma cor cada un, por diante e por detrás. A branca leva ao Ceo e a negra ao Baleiro.
    No Ceo atopábase o reino de Branco, nas que as casas eran coma o pazo para entrar no Ceo . Alí vivían Neru, os gardiáns e os magos e as fadas. Estes dous últimos teñen o poder da telequinese e o control mental, pero só noutras especies e só os usaban para facer o ben. Tamén se atopaban todos os palacios dos gardiáns excepto o de un.
O de Negro atopábase no Baleiro, e se negaba ir xunto os seus irmáns, aos que odiaba, porque se negaban á violencia, algo que el adoraba. Por iso no seu reino no había ningunha norma, e os seus habitantes eran pantasmas brancos se eran femininos e violetas se eran masculinos. Tiñan o poder de de facerse invisibles , e roubar almas aos demais, porque eles non tiñan . Os pantasmas non podían saír do Baleiro, e non podían pegarlle a ninguén que viñese de fóra, pero si loitaban entre eles.

Os fillos da lúa eran diferentes dependendo do reino no que nacesen. Eran seres que crearan con poderes epeciais, e aínda que ao principio eran poucos e só tiñan uns poucos poderes, co paso do tempo e coa axuda dos gardiáns conseguiron obter máis poderes como o teletransporte  e a curación, e ensináronllelos a outros, e así foron máis e máis fortes, aínda que non todos eran capaces de aprender.
Pero chegounos a haber de tanto poder que tiñan tanto ou máis cós gardiáns. Así foi que cando Verde lle dixo aos seus suditos que comerciasen cos outros pobos, posto que o seu reino era o único que nunca se dedicara ao comercio, os seus habitantes negáronse aínda que ao final obrigounos. Pero entón alguén atacou ao gardián, era Nyoku, o autodenominado mellor guerreiro do mundo. Verde saíu disparado e quedou no van malferido. Na súa axuda veu Branco, que tivo unha batalla moi igualada con Nyoku.
Nun momento do combate Branco foi golpeado por algo e Nyoku quedou paralizado. Fora Negro, que lle roubara a Nyoku a alma, e despois disto encarcerouno nunha gaiola; pero cando Negro ía marchar, Branco saíulle a cortar o paso, e Negro golpeouno e mandouno máis alá do horizonte, e marchou a o Baleiro cun sorriso e co pensamento de que só Neru era máis forte ca el.

Verde, despois disto, decidiu retirar as súas ordes e foi na procura de Branco, que se atopaba nunha praia boca abaixo, maldicindo ao seu irmán, e ao final xuroulle a guerra a Negro.

Nyoku tiña un fillo que se chamaba Kyo, que non tiña nai, posto que esta morrera no parto. Este atopábase con Aris, unha amiga do seu pai que o estaba a adestrar. No momento do rapto do seu pai tiña cinco anos. Tras quince anos de adestramento comezou o camiño para ir liberar ao seu pai, aínda que durante eses anos houbo unha guerra entre o Ceo e o Baleiro na que ninguén saía vencedor.



luns, 9 de outubro de 2017

Benvida ao novo curso

Os nosos veciños do Urbano Lugrís queren saudarnos e escolleron esta maneira de facelo

venres, 7 de xullo de 2017

Cociña con xeito

Eis o vídeo no que estivemos traballando este curso. Foi unha idea de Clara Pino, secundada por toda a comunidade escolar.
Baixo a súa batuta, traballou o alumnado  de Artes Escénicas e de Música. Contamos coa colaboración do CEE Nosa Señora do Rosario ,que nos prestaron a súa preciosa cociña  e coa axuda inestimábel de Tania Piñeiro.
No guión traballaron Clara, Patricia e Verónica.
Detrás das cámaras e na montaxe:Félix e Patricia.
Bon proveito!

xoves, 6 de xullo de 2017



Algunhas fotos da gran representación da obra Os vellos non deben de namorarse do grupo de teatro do IES Ramón Otero Pedrayo.

xoves, 29 de xuño de 2017

As Laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares representada polo grupo de teatro A Lagarada do IES R. Otero Pedrayo da Caruña

martes, 20 de xuño de 2017

Discursos de graduación de 2ºESO

Lembro o momento no que todas nós chegamos a esta aula, hai cousa duns 9 meses. Xa tiñamos unha lixeira idea do que era o instituto: un lugr onde tes unha morea de exames e deberes que che quitan gran parte do teu preciado tempo. Ao lonto deste curso, aprendín que non todo era así.

Hoxe, na nosa última clase de Oratoria, doume conta de que non quero que remate. Persoalmente, non cambiaría nada, excepto a cantidade de exames. Pero os bos amigos, as novas amizades,os amigos que son como os teus irmáns, os risos, a diversión, as carreiras polos corredores, os cambios de data dos exames, as parvadas dos profes... todo iso é irremplazable.

 Neste curso, aprendín (ademais das materias) a non ser tímida, a non ter vergoña, a entenderme a min mesma pero, sobre todo, que os risos entre amigos e compañeiras son capaces de curar ata as feridas de pura traizón e tristura. Nunca esquecerei as conversas Pokemon, o humor da clase, a familia de Félix, as clases con Patricia, a Bort bailando, as máquinas de Estrella, as sesións de cine, as nosas caras de feliciade cando faltaba algún profe. En conclusión, 2º da ESO foi un curso cheo de sorpressas que terei gravado na miña memoria para sempre Saúde e terra!

 Rita Calviño

venres, 2 de xuño de 2017

2º PROGRAMA DE RADIO ESCOLAR DO EDLG DO IES R. OTERO PEDRAYO

O martes, 30 de maio, un grupo de alumnas e alumnos de 3º de ESO foi a radio "CUAC. FM" a gravar un programa de radio tipo magazine na sección "A fume de carozo". Dito programa versa sobre acoso escolar, tan de moda por desgraza, literatura, música, cine, etc. Foi emitido en directo e pódese descargar e escoitar o seu podcast na seguinte ligazón.

https://cuacfm.org/radioco/programmes/a-fume-de-carozo/8x26/

xoves, 1 de xuño de 2017

En galego sen cancelas



Este era o lema proposto para o Correlingua deste ano. Decidimos facer unha mesa redonda con alumnado e familias. Somos un centro urbano e, polo tanto, somos diversos.

A conclusión á que chegamos é que a moito do noso alumnado soamente lle falta DAR O PASO, atreverse a falar galego con calquera.

Grazas a todos e todas as participantes

Chámome Alicia

Non me gusta contar o que pasou, pero teño que sincerarme comigo mesma. Espero que todo aquel que lea esta carta me entenda e non deixe que lle pase a máis mulleres. Se sabes dalgún caso e non sabes que facer, chama ao 016.
Vou contar o meu caso para dar esperanza ás mulleres de que se pode saír desta. 


Sufrí maltrato físico e psíquico. Ao principio era todo case perfecto. Queríao tanto que pensaba que xamais me faría dano, pero enganeime. 

Hoxe decateime, por iso escribín esta carta. Non quero que me atopen, quero ser libre como xamais o fun, quero sentir que podo voar, que hai un mundo mellor para min; despois de todo este sufrimento e que no


n vale a pena chorar por alguén que non te ama de verdade; o único que fai é que non deixa desfrutar, nin quedar coas túas amigas...

Neste intre non sei o que me deparará o futuro, o único que sei é que non quero volver a pasar por iso, non quero mirar atrás. O meu presente non seguirá sendo o meu pasado. Por fin son libre das súas cadeas. Collín as maletas e marchei para non volver. 


Con todas as miñas forzas e todas as miñas ganas, conseguín saír e dei un portazo. 

Descubrín que son a única que pode decidir en min mesma, a dona da miña vida. 
Grazas a esas cancións que me daban forzas pola mañá, para que pola noite puidese aguantar todo o que me viña enriba. 

Sentín o peso do mundo sobre os meus ombros e o único que fixen para fuxir foi pechar os ollos e imaxinar que nada nin ninguén é imposible de vencer.

Algún día entenderei por que sucedeu todo isto, para que, que sentido ten. Porque somos todo e á vez, non somos nada. Eu era o seu mundo pero case me mata. Como pode ser que me queira tanto e á vez queira facerme dano? Por iso, as mulleres somos un tesouro. Non nos merecemos este castigo. Sen mulleres, non hai vida.

Deséxolles cariño, forza de vontade a todas as mulleres do mundo que teñen medo. Non deixedes que vos coman a cabeza, todas merecemos ter unha boa vida.

Non chores xamais pola amargura dun querer, pois ningún home merece as mágoas dunha muller. Morrer en vida é mirarte e descubrir que a miña vida non vale nada para ti, que mala sorte quererte se só queres matarme. 

Non pido moito, pero só quero xustiza, eu tiven sorte per na maioría dos casos non é así. Xamais te fas unha idea disto ata que che toca, loita por unha vida mellor, loita para non cometer outro erro, porque non ías quedar sentada sen facer nada!

Abre a porta e marca coa túa dignidade, abre os ollos que é a túa oportunidade; sé xusta contigo mesma, sabes que hai outra vida despois desta. 

Relato de Fátima García de la Calle, 2ºB

venres, 19 de maio de 2017

Auga e pedra

Lucía Trillo Costa, de 3º ESO B, foi premiada na fase galega do V Explica Xeografía coas túas fotos, con este magnífica fotografía e o texto que se acompaña. Parabéns! O 24 de maio iremos á Facultade de Xeografía e Historia para recoller o premio:


A fotografía foi tomada na tarde do 27 de novembro do 2016 na praia de Boca do Río, no concello coruñés de Carnota. Esta praia ten una extensión duns 7 km.
Ao fondo vemos o Monte do Pindo. Este monte granítico ten unha altura de 627 metros. Diante do monte vemos a desembocadura do regato Valdebois atravesando a praia ata ó mar.
No verán é un lugar moi visitado xa que ten propostas moi atractivas: rutas de sendeirismo, numerosas praias, gastronomía local.
A paisaxe desta praia contémplase na súa totalidade desde o mirador de Lira. Cara a dereita, podes ver desde o cabo de Fisterra á praia de Carnota e, no lado esquerdo, a península de Barbanza.