venres, 19 de maio de 2017

Auga e pedra

Lucía Trillo Costa, de 3º ESO B, foi premiada na fase galega do V Explica Xeografía coas túas fotos, con este magnífica fotografía e o texto que se acompaña. Parabéns! O 24 de maio iremos á Facultade de Xeografía e Historia para recoller o premio:


A fotografía foi tomada na tarde do 27 de novembro do 2016 na praia de Boca do Río, no concello coruñés de Carnota. Esta praia ten una extensión duns 7 km.
Ao fondo vemos o Monte do Pindo. Este monte granítico ten unha altura de 627 metros. Diante do monte vemos a desembocadura do regato Valdebois atravesando a praia ata ó mar.
No verán é un lugar moi visitado xa que ten propostas moi atractivas: rutas de sendeirismo, numerosas praias, gastronomía local.
A paisaxe desta praia contémplase na súa totalidade desde o mirador de Lira. Cara a dereita, podes ver desde o cabo de Fisterra á praia de Carnota e, no lado esquerdo, a península de Barbanza.

xoves, 18 de maio de 2017

Hoxe en galego

Un ano máis, no Otero celebramos unha proba á que só sobrevivirán os máis valentes e as máis avezadas. Sobreviviremos falando galego durante 24 horas?  O alumnado de 1º teno claro, elas queren ser Ladygal.

Vós tamén seredes parte desta nova experiencia.



DEZ PASOS PARA COMEZAR A FALAR GALEGO:

  1.  Se tes como lingua familiar o español, interésate pola nosa lingua. Axuda a loitar contra as inxustizas cometidas contra o galego.
  2. Ás veces non é doado pasar a falar galego con persoas e en ambientes nos que sempre falaches español. Podes comezar a usar o galego con persoas que coñezas a partir de agora ou en situacións novas, para logo ir introducíndoo na túa esfera habitual. Pode que até logres que persoas castelán-falantes do teu entorno muden a lingua coa que sen dirixen a ti!
  3. Non te avergoñes dos defectos da pronuncia ou a escrita nin deixes de falar a lingua por medo a ter erros. Falando e escribindo en galego é a forma de ir mellorándoo. É importante respectar e coñecer as variedades dialectais da nosa lingua. Esta é a riqueza do galego.
  4. Anímate a coñecer música e cinema na nosa lingua.
  5. Comeza a tomar apuntamentos en galego, whatsappear e escribir correos electrónicos, a facer os exames en galego…
  6. Muda as túas redes sociais ao galego. Reclama que haxa posibilidade de escoller o galego nas aplicacións que utilizas.
  7. Fala galego cada vez con máis xente. Verás que te entenden.
  8. Aínda que che respondan en castelán, insiste en exercer o teu dereito a falar galego. Esixe que te respecten.
  9. Implícate na normalización da nosa lingua en todos os eidos. Fai que o galego entre nas aulas, nas tendas, no teu centro de traballo…
  10. Galeguiza o teu nome e apelidos. Moitos apelidos foron deturpados pola Igrexa e anos de españolización. Otero, Villanueva, Villarino ou Rajoy son atentados lingüísticos que herdamos. Fagamos xustiza, mudémolos.
     

sábado, 13 de maio de 2017

O Roteiro Pondaliano, de Fátima García e Adriana Collazo

Roteiro Pondaliano: o Castelo de Vimianzo, de Eloy Calviño e Rita Leis

Eloy Calviño e Rita Leis, viron así a visita ao Castelo de Vimianzo:

O pasado martes 25 de abril nós máis os nosos compañeiros de 2º da E.S.O realizamos unha excursión na que fomos a distintos lugares: os batáns e muíños do Mosquetín, realizamos o roteiro pondaliano en Ponteceso e visitamos o castelo de Vimianzo. Este último foi o que máis nos gustou da excursión, xa que era moi medieval e puidemos imaxinar cómo sería a vida no castelo (a parte de que nos pareceu moi bonito e chamativo).


O castelo de Vimianzo é unha fortaleza construída pola familia dos Mariño de Lobeira (os primeiros donos do castelo) entre finais do século XII e principios do século XIII. Unha das cousas que nos gustou moito destes primeiros donos foi a súa lenda. Esta lenda di que descenden dunha serea. O castelo era onde residía o señor das terras. Aquí exercíase o poder, o cobro dos tributos, a administración de xustiza e a cadea.

Na entrada do castelo atopámonos cun foxo (a función deste era mellorar o sistema defensivo rodeando o castelo de auga e cunha soa entrada a través dunha ponte levadiza) e máis adiante cunha entrada de pedra na que se pode diferenciar un escudo esculpido. Este escudo está dividido en dous: nunha metade aparece un martelo (símbolo dos Martelo, outros donos do castelo) e na outra aparece un lobo (símbolo dos Moscoso, outros donos do castelo).
Tamén na entrada cara o patio de armas atopamos outros dous escudos: o do lobo e o das rodelas (símbolo dos Castro, familiares dos Moscoso e tamén outros donos do castelo).

A fortaleza ten unha planta poligonal e está rodeada por unha muralla. Ten catro torres, tres delas están construídas case fóra das murallas e a outra está construída cara dentro. Esta torre é a máis vistosa e tamén é a parte que máis nos gustou do castelo, xa que puidemos subir e dende alí víase moi ben Vimianzo. É a torre da Homenaxe.

No interior do castelo está o patio de armas, onde se erguen varias construcións que serían a vivenda, a cociña, o forno e o cárcere.
Unha curiosidade que nos chamou bastante a atención foi que descubrimos que cada ano celébrase unha festa chamada “Asalto ao Castelo” que ten lugar o primeiro sábado de xullo que recrea as Revoltas Irmandiñas que tiveron lugar en toda Galicia, pero sobre todo no castelo de Vimianzo no século XV, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais.

Roteiro Pondaliano: O Castelo de Vimianzo, de Uxía Costa e Lorena Rodríguez

IMG_20170425_105058.jpg
O 25 de abril de 2017 o alumnado de 2º da ESO realizou nas Terras de Bergantiños o Roteiro Pondaliano. Entre os lugares que visitamos estivo o castelo de Vimianzo. Velaquí a crónica que Uxía Costa e Lorena Rodríguez fixeron da saída, acompañada das súas propias fotografías:


IMG_20170425_102011.jpg

Na visita ao castelo de Vimianzo tivemos un guía que nos ía explicando todo o que viamos.
Recibiunos fóra onde nos deu unha pequena introdución dicindo que o castelo estaba situado preto da vila para poder vixiar mellor á poboación e que aos habitantes non lles quedara moi lonxe, sendo así máis doado cobrar as rendas.

Despois pasamos ao foxo, onde había unha ponte levadiza para que o castelo fose máis seguro e nada máis entrar está a Torre da Homenaxe, que xunto co Patio de Armas é o único que se conserva da fortaleza inicial.

IMG_20170425_101913.jpg

Fomos dando unha volta á muralla mentres o guía nos explicaba que o castelo foi construído polos Mariños de Lobeira (XII-XIII), e que no escudo que esta na porta principal,aparece unha cabeza de lobo, representando a esta familia. Explicounos como vivían e como se defendían, e que as poucas fiestras que había, se fixeran posteriormente, xa que se non, sería moi fácil atacar o castelo.


Despois, o castelo, pasou a mans dos Moscoso de Altamira. No ano 1465 comezou a guerra dos Irmandiños, e neste mesmo ano, o castelo serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Afonso de Fonseca II, durante dous anos, por orde de Bernal Sánchez de Moscoso. No 1467, o castelo foi asediado e derrubado polos irmandiños.


No século XIX o poeta Evaristo Martelo reconstruíu e reformou o castelo, que o transformou en casa de verán, onde aproveitaba para escribir. En 1973 a Deputación da Coruña comprouno e restaurouno, polo que agora se pode visitar e hai unha exposición de encaixe.


Despois deixáronnos un tempo libre que aproveitamos para visitar o castelo por dentro, onde había un paneis interactivos cos nomes de faros, vilas, etc. e onde vimos a mostra do encaixe. Tamén subimos á muralla e á Torre da Homenaxe, dende a que se ven os cimentos do que era a torre inicial do castelo e a parte hai unha gran vista de todo Vimianzo.

venres, 12 de maio de 2017

Como cambia o conto

Daniel, alumno de 2ºB fixo unha adaptación do conto da Carapuchiña vermella


A casiña de chocolate
Erase unha vez unha bruxa que tiña a casa cuberta de chocolate. A bruxa estaba disfrutando coas visitas dos turistas e pensaba a miúdo: “Que bonita é a miña casa!

Un día apareceron dous rapaces que se chamaban Hansel e Gretel, coñecidos como os lambóns da vila. Eles viron a casiña de chocolate e tiveron a mesma idea.
-Guau! A casiña está cuberta de chocolate, dixo Hansel coa boca desfeita do larpeiro que era.
-Vaia se o está. Devezo por trincar unha porta desas de chocolate negro, respondeu Gretel, achegando a man para tocar unha ventá.

-Pois veña, logo, imos comer un pouco, decidiu o rapaz.
 A bruxa estaba dobrando a roupa, xa que era día de colada, cando escoitou un ruído. Pensou que era o seu gato rabuñando unha alfombra, pero ao pouco volveu escoitar un renxer de dentes. Deixou a roupa enriba da táboa de pasar o ferro e saíu sen facer ruído.
Nada había dentro da casa que fixese tal boureo. Así que saíu pola porta de atrás e cando chegou ao lateral, viu aos rapaces comendo o chocolate da porta. Sentiuse moi mal, era a súa casa querida e berroulles moi enfadada.
-Que estades facendo?
-Comendo o chocolate, claro, respondeu Hansel con inocencia e coa boca enlarafuzada.

-PARAAAADE DE COMEEEER ou chamo aos vosos pais!!! A miña casa, a miña fermosa casa!!! Vouvos castigar.

-Non es miña nai para castigarme, respondeu de malos modos Gretel, que a pesar de parecer un anxiño, era unha maleducada.

A bruxa chamou aos seus pais e ante a súa sorpresa, estes dixéronlle que non pensaban castigar aos seus fillos.
-Que malos pais sodes!!!!
-Non somos malos pais. A culpa é túa por facer unha casa de chocolate. Os nosos nenos non poden resistirse, berrou a nai. Os pais colgaron e bruxa enfadouse moito.
Os rapaces seguiron comendo, a fama do lugar comezou a baixar. Non era agradable escoitar aqueles nenos roer.
Unha noite, a bruxa, preparou unha trampa cunha rede para atrapar os nenos. Ao día seguinte os nenos volveron comer e Gretel pisou a rede, pero o sistema non funcionou, así que seguiron coas ventás da parte de atrás. Xa quedaba moi pouco chocolate.

Desesperada, a bruxa decidiu escavar a terra para que os nenos caesen nun burato. Ao día seguinte, os nenos comezaron a comer unha nova ventá que acababa de colocar. Non se decataron da trampa e caeron nela. A bruxa colleu dúas gaiolas e meteunos.
Á hora da merenda, os pais notaron que non estaban os seus nenos e decidiron ir á casa do chocolate preguntar por eles.
-Non vería, por un casual, os nosos fillos?
-Si, vin, acabo de velos, téñoos pechados nunhas gaiolas. Semellantes animais teñen que estar controlados. Liberareinos se me prometedes que os ides afastar da miña casa.
-O que ti digas, pero ceiba os nosos nenos, suplicou a nai, moi conmovida e preocupada.

Ao día seguinte os pais fixeron prometer a Hansel e Gretel que non ían achegarse á casa de chocolate daquela bruxa con tan mal xenio. Pero os rapaces tiñan outros plans. O azucre chamaba por eles, eran uns adictos.
Un día máis, a bruxa viu que os nenos viñeran comer chocolate. Moi enfadada, colleu a escopeta e perseguiu aos nenos ata chegar á súa casa. A bruxa chamou á porta e comezou a disparar a toda a familia, que se refuxiou no soto. Como non escoitaba ningún ruído, a bruxa marchou.

-Así aprendedes a educar ben a vosos fillos, dixo a bruxa berrando.
A familia de Hansel e Gretel apresurouse a marchar da vila, aquela bruxa atravesada non debía saber onde vivían. O que eles non sabían era que a escopeta era de caramelo e as balas non mataban. Era atravesada a nosa bruxa, pero non perigosa.

A casa volveu gañar sona e moitos visitantes se achegaban. Xa estaba de novo recuberta de chocolate.


                  FIN

Coristranca, a lectura con retranca

Coristranca

No blog do club de lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel colgaron un feixe de fotos do día do Intercambio 2017.

Xa estamos contando os días para o seguinte. Moitas grazas por esta agarimosa lembranza!

xoves, 11 de maio de 2017

Ti non es da volta?

Seguindo a estela doutros vídeos realizados na Costa da Morte e en Ribadeo, chega Seis pasos para falar malpicán. Seguro que vos ha gustar.


sábado, 6 de maio de 2017

Panteón de Galegos Ilustres


                       ROTEIRO ROSALIANO: 3º da ESO

O Depto. de Lingua Galega, CC.SS. e o EDLG realizaron este roteiro o martes, 2 de maio, co alumando de 3º, pola cidade de Santiago, Bastavales e Padrón, para visitar algúns dos lugares máis significativos nos que viviu e se se inspirou Rosalía de Castro para escribir a súa obra literaria. Con isto pretendemos que o alumndo comprenda máis facilmente a obra da autora e tome conciencia da súa importancia. 
Comezamos a visita en Santiago no Museo do Pobo Galego e no Panteón de Galegos Ilustres, onde está enterrada actualmente a autora, para pasar polo antigo Liceo da Xuventude, pola catedral, Alameda (IES Rosalía de Castro, antiga Sociedade Económica dos amigos do País onde ela estudou) e Praza de Vigo, (lugar de nacemento de Rosalía) onde se atopan distintos monumentos no seu honor. De aquí desprazámonos a Bastavales onde xantamos e recitamos "Campana de Bastavales..." para dirixirnos despois a Padrón, primeiro á Casa-Museo, e logo ao pazo de Arretén e ao Espolón, onde hai tamén outro monumento adicado á autora. E xa desde alí regresamos ás nosas casas da Coruña despois de pasar unha xornada intensiva mais marabillosa e inesquecible.


Museo do Pobo Galego



Panteón de Galegos Ilustres

Alameda de Santiago


Praza de Vigo

Bastavales



Casa Museo de Rosalía- Padrón

Pazo de Arretén


 
              CHARLA CO ESCRITOR PEDRO FEIJOO:                                            A MEMORIA DA CHOIVA

O 27 de  abril visitounos o autor da novela A memoria da choiva, Pedro Feijoo, para falarlle ao alumnado de 4º da ESO sobre o proceso creativo literario e para darlle claves para unha boa interpretación desta marabillosa novela que relaciona a intriga e o misterio co mundo ficcional de Rosalía de Castro polas terras de Santiago, Padrón e A Coruña. Como podedes comprobar, o alumnado estivo totalmente volcado nas palabras do autor e manifestou a súa satisfacción por estes encontros que vimos realizando con distintos autores.


Taller de Xornalismo

                                         TALLER DE XORNALISMO, 24/04/2017
Este día realizouse un taller de xornalismo para o alumnado de 3º da ESO organizado polo Depto. de Galego e polo ENDL, para o cal contamos cunha xornalista, Lucía Álvarez, da Escola de Xornalismo de Santiago. Este taller desenvolveuse durante 2 horas para cada 3º cun grande  interese e participación do alumnado.




venres, 5 de maio de 2017

Semana do libro no Otero

Esta semana foi moi especial. Recibimos a visita de antigas profesoras do centro que nos viñeron ler un anaquiño do seu libro favorito.











Teba, profesora de E. Plástica e visual,  foi a invitada para 4º ESO. Veu ler Huckleberry Finn de Mark Twain.


















-----------------------------------------------------------------------------------------------


Pedro Feijoo, o autor de A memoria da choiva, leu para o alumnado de 2º un anaco da obra de Suso de Toro, concretamente un relato de Polaroid







































María Gómez Zamora, a profesora de Matemáticas de 1º, interrompeu a súa baixa para virnos ler un fragmento dunha obra que nos deixou a todos emocionados: A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos














 



-----------------------------------------------------------------------------------------
Julia Franco, profesora de Lingua española e literatura, xa xubilada, veunos ler o comezo de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Contounos que nun dos seus destinos, tivera a sorte de coincidir varias veces con Neira Vilas. O exemplar que traía estaba asinado polo autor.

 Ademais, tamén nos leu un anaco de Cousas de Castelao.


xoves, 4 de maio de 2017

Letras galegas 2017

Proposta de actividades. Entra nesta imaxe e le a información que che proporciona cada un dos puntos. Realiza as actividades online que están enriba do barquiño.


https://www.thinglink.com/scene/916591781590597634