venres, 22 de maio de 2020

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS: A FALA (Vídeo)

Na seguinte ligazón podemos ver e escoitar o VÍDEO de A FALA de Manuel María cantado por Uxía e as Tanxugueiras, no que se fala da importancia do noso idioma.

https://youtu.be/_QA4hInVLaM

USO DOS PRONOMES PERSOAIS DE C.I. INTERESE E SOLIDARIDADE

Aquí atópase unha explicación con exemplos do correcto uso en galego do pronome persoal de C. I. e dos pronomes de interese e solidaridade.

https://wp.me/p1U4sd-jk

martes, 10 de marzo de 2020

ANDREA MACEIRAS: Conta nove estrelas

Alá por febreiro, no 2º trimestre, tivemos a sorte de que nos visitase unha autora tan lida e tan querida polo noso alumnado como é Andrea Maceiras, para falarnos do seu último -que non derradeiro- libro que publicou e que o noso alumnado de 2º da eso leu. Foi un encontro moi emotivo e moi interesante que serve para enganchar á rapazada á lectura.

Conta nove estrelas INFANTIL E XUVENIL - MERLÍN - De 11 anos en ...

Gañador do Premio Lazarillo 2018, Conta nove estrelas está escrito por Andrea Maceiras e conta coas ilustracións de Paula Mayor. Fermosa novela de ciencia ficción na que a aventura e afouteza dos seus protagonistas engaiola o lectorado pola posibilidade de conquistar un mundo mellor. Mellor pola aceptación da diferenza, pola tolerancia como raíña das páxinas, e a superación como máxima dunha aprendizaxe nun mundo intergaláctico que non coñece a tolerancia porque a distopía deste mundo é a regularización máxima dos seus habitantes. Algo do que se debe fuxir e contra o que se debe loitar. Quizais exista a posibilidade de construír un futuro salvable ollando o firmamento. Porque este firmamento é unha alegoría da esencia do ser humano, un ser humano capaz de amar a harmonía, de respectar a natureza, de convivir coa diferenza. Un mundo, por tanto, que non coñecemos. 
Convídovos a coñecer a Galaxia Oma e quen a habita.












domingo, 1 de marzo de 2020

HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO

                                CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA NO NOSO IES


Un ano máis, o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega quere homenaxear á nosa insigne escritora cun recitado de poesía de diferentes grupos de alumnos/as e profesores/as que foron pasando por case que todas as aulas recitando poemas de Cantares galegos e Follas novas en distintas linguas (galego, francés, inglés) como proba da universalidade da poesía da nosa autora. Ademais un grupo de alumnos/as de 4º tamén foron polas distintas aulas dramatizando o coñecido poema A xustiza pola man que tantas inxustizas denuncia. Como proba desta actividade podedes veraquí unha serie de videos e fotografías.







      
Dramatización de A xustiza pola man


                                          
Outra versión da dramatización de A xustiza pola man


Recitado en francés dunha profesora

                                       
Recitado en francés dun alumno

Recitado en inglés

Recitado en galego e inglés




Recitado en galego e francés



Recitado en galego, francés e inglés


Recitado de alumnos/as e de profesores

CELEBRACIÓN DO ENTROIDO 2020

  
O venres, 21 de febreiro, celebramos o entroido con comparsas de case todas as aulas que os grupos foron preparando cos seus titores/as. Nas últimas horas da mañá acudimos todos ao pavillón para ver desfilar as comparsas do alumnado e do profesorado. Ademais organizáronse outra serie de actos previamente no Salón de actos e nas gradas exteriores dos campos de deportes. Ali asistimos a un miniconcerto do alumnado e ao final a unha "batalla de galos" con letras propias.
Como mostra destra celebración tradicional publicamos a serie de fotos seguinte:















sábado, 23 de novembro de 2019

ENCONTRO LITERARIO CON ÉRICA ESMORÍS: 1º da ESO

Encontro literario con Érica Esmorís

O pasado 12 de novembro, pola tarde, o noso alumnado de 1º da ESO tivo a sorte de poder partillar no Salón de Actos coa autora do libro que estiveron a ler este trimestre titulado Nena e o mar. A autora comentoulles os procedementos que utilizaba á hora de escribir un libro a través dunha presentación, e logo xa se centrou máis polo miúdo neste libro en cuestión. Explicoulles en que se inspirou para escoller o nome dos protagonistas, sobre todo de Nena, e como se desenvolvía a vida nese pobo de mariñeiros onde situou a novela.
Ao final da sesión o alumnado puido facerlle unha serie de preguntas á autora e acabou a sesión asinándolles os libros que eles leran.

 Díxolles: "Da miña infancia destaco a miña tenacidade, que non teimosía, por converterme “de maior” en veterinaria e escritora e a miña admiración pola indomable Pippi Langstrumpf. O primeiro conseguino —son veterinaria e tamén, autora—, e o segundo levoume ata a illa de Gotland, en Suecia, á mesma casa de Pippi.



Escribo dende moi pequena. Na casa dos meus pais hai caixas enteiras cheas de contos e xornais caseiros froitos do delirio infantil que sobreviviron ao deseño minimalista da miña nai: historias orixinais, adaptacións e noticias familiares acompañadas sempre de ilustracións, ao principio escritas a man, despois coa máquina de escribir que o meu pai prexubilou tras a compra do seu primeiro Spectrum".

Nena e o mar

Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus habitantes perderon a esperanza. Só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes…