venres, 12 de maio de 2017

Como cambia o conto

Daniel, alumno de 2ºB fixo unha adaptación do conto da Carapuchiña vermella


A casiña de chocolate
Erase unha vez unha bruxa que tiña a casa cuberta de chocolate. A bruxa estaba disfrutando coas visitas dos turistas e pensaba a miúdo: “Que bonita é a miña casa!

Un día apareceron dous rapaces que se chamaban Hansel e Gretel, coñecidos como os lambóns da vila. Eles viron a casiña de chocolate e tiveron a mesma idea.
-Guau! A casiña está cuberta de chocolate, dixo Hansel coa boca desfeita do larpeiro que era.
-Vaia se o está. Devezo por trincar unha porta desas de chocolate negro, respondeu Gretel, achegando a man para tocar unha ventá.

-Pois veña, logo, imos comer un pouco, decidiu o rapaz.
 A bruxa estaba dobrando a roupa, xa que era día de colada, cando escoitou un ruído. Pensou que era o seu gato rabuñando unha alfombra, pero ao pouco volveu escoitar un renxer de dentes. Deixou a roupa enriba da táboa de pasar o ferro e saíu sen facer ruído.
Nada había dentro da casa que fixese tal boureo. Así que saíu pola porta de atrás e cando chegou ao lateral, viu aos rapaces comendo o chocolate da porta. Sentiuse moi mal, era a súa casa querida e berroulles moi enfadada.
-Que estades facendo?
-Comendo o chocolate, claro, respondeu Hansel con inocencia e coa boca enlarafuzada.

-PARAAAADE DE COMEEEER ou chamo aos vosos pais!!! A miña casa, a miña fermosa casa!!! Vouvos castigar.

-Non es miña nai para castigarme, respondeu de malos modos Gretel, que a pesar de parecer un anxiño, era unha maleducada.

A bruxa chamou aos seus pais e ante a súa sorpresa, estes dixéronlle que non pensaban castigar aos seus fillos.
-Que malos pais sodes!!!!
-Non somos malos pais. A culpa é túa por facer unha casa de chocolate. Os nosos nenos non poden resistirse, berrou a nai. Os pais colgaron e bruxa enfadouse moito.
Os rapaces seguiron comendo, a fama do lugar comezou a baixar. Non era agradable escoitar aqueles nenos roer.
Unha noite, a bruxa, preparou unha trampa cunha rede para atrapar os nenos. Ao día seguinte os nenos volveron comer e Gretel pisou a rede, pero o sistema non funcionou, así que seguiron coas ventás da parte de atrás. Xa quedaba moi pouco chocolate.

Desesperada, a bruxa decidiu escavar a terra para que os nenos caesen nun burato. Ao día seguinte, os nenos comezaron a comer unha nova ventá que acababa de colocar. Non se decataron da trampa e caeron nela. A bruxa colleu dúas gaiolas e meteunos.
Á hora da merenda, os pais notaron que non estaban os seus nenos e decidiron ir á casa do chocolate preguntar por eles.
-Non vería, por un casual, os nosos fillos?
-Si, vin, acabo de velos, téñoos pechados nunhas gaiolas. Semellantes animais teñen que estar controlados. Liberareinos se me prometedes que os ides afastar da miña casa.
-O que ti digas, pero ceiba os nosos nenos, suplicou a nai, moi conmovida e preocupada.

Ao día seguinte os pais fixeron prometer a Hansel e Gretel que non ían achegarse á casa de chocolate daquela bruxa con tan mal xenio. Pero os rapaces tiñan outros plans. O azucre chamaba por eles, eran uns adictos.
Un día máis, a bruxa viu que os nenos viñeran comer chocolate. Moi enfadada, colleu a escopeta e perseguiu aos nenos ata chegar á súa casa. A bruxa chamou á porta e comezou a disparar a toda a familia, que se refuxiou no soto. Como non escoitaba ningún ruído, a bruxa marchou.

-Así aprendedes a educar ben a vosos fillos, dixo a bruxa berrando.
A familia de Hansel e Gretel apresurouse a marchar da vila, aquela bruxa atravesada non debía saber onde vivían. O que eles non sabían era que a escopeta era de caramelo e as balas non mataban. Era atravesada a nosa bruxa, pero non perigosa.

A casa volveu gañar sona e moitos visitantes se achegaban. Xa estaba de novo recuberta de chocolate.


                  FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario