xoves, 18 de maio de 2017

Hoxe en galego

Un ano máis, no Otero celebramos unha proba á que só sobrevivirán os máis valentes e as máis avezadas. Sobreviviremos falando galego durante 24 horas?  O alumnado de 1º teno claro, elas queren ser Ladygal.

Vós tamén seredes parte desta nova experiencia.



DEZ PASOS PARA COMEZAR A FALAR GALEGO:

  1.  Se tes como lingua familiar o español, interésate pola nosa lingua. Axuda a loitar contra as inxustizas cometidas contra o galego.
  2. Ás veces non é doado pasar a falar galego con persoas e en ambientes nos que sempre falaches español. Podes comezar a usar o galego con persoas que coñezas a partir de agora ou en situacións novas, para logo ir introducíndoo na túa esfera habitual. Pode que até logres que persoas castelán-falantes do teu entorno muden a lingua coa que sen dirixen a ti!
  3. Non te avergoñes dos defectos da pronuncia ou a escrita nin deixes de falar a lingua por medo a ter erros. Falando e escribindo en galego é a forma de ir mellorándoo. É importante respectar e coñecer as variedades dialectais da nosa lingua. Esta é a riqueza do galego.
  4. Anímate a coñecer música e cinema na nosa lingua.
  5. Comeza a tomar apuntamentos en galego, whatsappear e escribir correos electrónicos, a facer os exames en galego…
  6. Muda as túas redes sociais ao galego. Reclama que haxa posibilidade de escoller o galego nas aplicacións que utilizas.
  7. Fala galego cada vez con máis xente. Verás que te entenden.
  8. Aínda que che respondan en castelán, insiste en exercer o teu dereito a falar galego. Esixe que te respecten.
  9. Implícate na normalización da nosa lingua en todos os eidos. Fai que o galego entre nas aulas, nas tendas, no teu centro de traballo…
  10. Galeguiza o teu nome e apelidos. Moitos apelidos foron deturpados pola Igrexa e anos de españolización. Otero, Villanueva, Villarino ou Rajoy son atentados lingüísticos que herdamos. Fagamos xustiza, mudémolos.
     

Ningún comentario:

Publicar un comentario