O 25 de abril de 2017 o alumnado de 2º da ESO realizou nas Terras de Bergantiños o Roteiro Pondaliano. Entre os lugares que visitamos estivo o castelo de Vimianzo. Velaquí a crónica que Uxía Costa e Lorena Rodríguez fixeron da saída, acompañada das súas propias fotografías:
Na visita ao castelo de Vimianzo tivemos un guía que nos ía explicando todo o que viamos.
Recibiunos fóra onde nos deu unha pequena introdución dicindo que o castelo estaba situado preto da vila para poder vixiar mellor á poboación e que aos habitantes non lles quedara moi lonxe, sendo así máis doado cobrar as rendas.
Despois pasamos ao foxo, onde había unha ponte levadiza para que o castelo fose máis seguro e nada máis entrar está a Torre da Homenaxe, que xunto co Patio de Armas é o único que se conserva da fortaleza inicial.
Fomos dando unha volta á muralla mentres o guía nos explicaba que o castelo foi construído polos Mariños de Lobeira (XII-XIII), e que no escudo que esta na porta principal,aparece unha cabeza de lobo, representando a esta familia. Explicounos como vivían e como se defendían, e que as poucas fiestras que había, se fixeran posteriormente, xa que se non, sería moi fácil atacar o castelo.
Despois, o castelo, pasou a mans dos Moscoso de Altamira. No ano 1465 comezou a guerra dos Irmandiños, e neste mesmo ano, o castelo serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Afonso de Fonseca II, durante dous anos, por orde de Bernal Sánchez de Moscoso. No 1467, o castelo foi asediado e derrubado polos irmandiños.
No século XIX o poeta Evaristo Martelo reconstruíu e reformou o castelo, que o transformou en casa de verán, onde aproveitaba para escribir. En 1973 a Deputación da Coruña comprouno e restaurouno, polo que agora se pode visitar e hai unha exposición de encaixe.
Despois deixáronnos un tempo libre que aproveitamos para visitar o castelo por dentro, onde había un paneis interactivos cos nomes de faros, vilas, etc. e onde vimos a mostra do encaixe. Tamén subimos á muralla e á Torre da Homenaxe, dende a que se ven os cimentos do que era a torre inicial do castelo e a parte hai unha gran vista de todo Vimianzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario