Eloy Calviño e Rita Leis, viron así a visita ao Castelo de Vimianzo:
O pasado martes 25 de abril nós máis os nosos compañeiros de 2º da E.S.O realizamos unha excursión na que fomos a distintos lugares: os batáns e muíños do Mosquetín, realizamos o roteiro pondaliano en Ponteceso e visitamos o castelo de Vimianzo. Este último foi o que máis nos gustou da excursión, xa que era moi medieval e puidemos imaxinar cómo sería a vida no castelo (a parte de que nos pareceu moi bonito e chamativo).
O castelo de Vimianzo é unha fortaleza construída pola familia dos Mariño de Lobeira (os primeiros donos do castelo) entre finais do século XII e principios do século XIII. Unha das cousas que nos gustou moito destes primeiros donos foi a súa lenda. Esta lenda di que descenden dunha serea. O castelo era onde residía o señor das terras. Aquí exercíase o poder, o cobro dos tributos, a administración de xustiza e a cadea.
Na entrada do castelo atopámonos cun foxo (a función deste era mellorar o sistema defensivo rodeando o castelo de auga e cunha soa entrada a través dunha ponte levadiza) e máis adiante cunha entrada de pedra na que se pode diferenciar un escudo esculpido. Este escudo está dividido en dous: nunha metade aparece un martelo (símbolo dos Martelo, outros donos do castelo) e na outra aparece un lobo (símbolo dos Moscoso, outros donos do castelo).
Tamén na entrada cara o patio de armas atopamos outros dous escudos: o do lobo e o das rodelas (símbolo dos Castro, familiares dos Moscoso e tamén outros donos do castelo).
A fortaleza ten unha planta poligonal e está rodeada por unha muralla. Ten catro torres, tres delas están construídas case fóra das murallas e a outra está construída cara dentro. Esta torre é a máis vistosa e tamén é a parte que máis nos gustou do castelo, xa que puidemos subir e dende alí víase moi ben Vimianzo. É a torre da Homenaxe.
No interior do castelo está o patio de armas, onde se erguen varias construcións que serían a vivenda, a cociña, o forno e o cárcere.
Ningún comentario:
Publicar un comentario