sábado, 23 de novembro de 2019

ENCONTRO LITERARIO CON ÉRICA ESMORÍS: 1º da ESO

Encontro literario con Érica Esmorís

O pasado 12 de novembro, pola tarde, o noso alumnado de 1º da ESO tivo a sorte de poder partillar no Salón de Actos coa autora do libro que estiveron a ler este trimestre titulado Nena e o mar. A autora comentoulles os procedementos que utilizaba á hora de escribir un libro a través dunha presentación, e logo xa se centrou máis polo miúdo neste libro en cuestión. Explicoulles en que se inspirou para escoller o nome dos protagonistas, sobre todo de Nena, e como se desenvolvía a vida nese pobo de mariñeiros onde situou a novela.
Ao final da sesión o alumnado puido facerlle unha serie de preguntas á autora e acabou a sesión asinándolles os libros que eles leran.

 Díxolles: "Da miña infancia destaco a miña tenacidade, que non teimosía, por converterme “de maior” en veterinaria e escritora e a miña admiración pola indomable Pippi Langstrumpf. O primeiro conseguino —son veterinaria e tamén, autora—, e o segundo levoume ata a illa de Gotland, en Suecia, á mesma casa de Pippi.



Escribo dende moi pequena. Na casa dos meus pais hai caixas enteiras cheas de contos e xornais caseiros froitos do delirio infantil que sobreviviron ao deseño minimalista da miña nai: historias orixinais, adaptacións e noticias familiares acompañadas sempre de ilustracións, ao principio escritas a man, despois coa máquina de escribir que o meu pai prexubilou tras a compra do seu primeiro Spectrum".

Nena e o mar

Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus habitantes perderon a esperanza. Só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes…

 
















luns, 11 de novembro de 2019

ROTEIRO OTERIANO 2019- 4º DA ESO

Un ano máis o Depto. de Galego e os depto. de Xeografía e Historia e de Normalización da Lingua Galega do IES R. Otero Pedrayo realizaron o Roteiro oteriano para afondar máis na figura e na obra do Patriarca das Letras Galegas, Ramón Otero Pedrayo.
Para cumprir con ese obxectivo visitamos o Mosteiro de Oseira, O pazo de Trasalba e a cidade de Ourense, escenarios que dun xeito ou doutro influiron na súa obra e na súa vida. Alí contamos con guías que nos foron amosando ditos lugares e explicando como influíron estes nas súas obras. De feito, en Trasalba, puidemos ver o mapa de Domingo Fontán ao que se fai alusión na súa novela Arredor de si,  ou ben a fachada barroca da capela dun dos pazos que aparece noutra das súas obras como é Os camiños da vida. 
 E en Ourense visitamos o cemiterio de S. Francisco onde están enterrados varios escritores galegos e mais os fusilados descoñecidos da 2ª República como podedes ver nalgunhas das seguintes fotografías. Logo baixamos cara á catedral para ver onde naceu e viviu Blanco Amor, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lamas Carbajal, etc, e posteriormente dirixímonos á Praza Maior e ás Burgas comentando a importancia de cada un destes lugares.




Mosteiro de Oseira- Ourense

Mosteiro de Oseira

Cruz da nave central do mosteiro

Sala capitular ou sala das palmeiras


Escaleira de puntas de diamante

Pazo de Trasalba de Otero Pedrayo: Salón principal, mapa de Domingo Fontán


Fachada dunha capela barroca que aparece descrita na novela "Os camiños da vida" de Otero

Cruceiro da capela anterior en Trasalba

Cemiterio de San Francisco, Ourense

Monumento aos caídos pola República

Cemiterio de S. Francisco

As Burgas

As Burgas