Amosando publicacións coa etiqueta Roteiro Pondaliano 2016/17. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roteiro Pondaliano 2016/17. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de maio de 2017

Roteiro Pondaliano: o Castelo de Vimianzo, de Eloy Calviño e Rita Leis

Eloy Calviño e Rita Leis, viron así a visita ao Castelo de Vimianzo:

O pasado martes 25 de abril nós máis os nosos compañeiros de 2º da E.S.O realizamos unha excursión na que fomos a distintos lugares: os batáns e muíños do Mosquetín, realizamos o roteiro pondaliano en Ponteceso e visitamos o castelo de Vimianzo. Este último foi o que máis nos gustou da excursión, xa que era moi medieval e puidemos imaxinar cómo sería a vida no castelo (a parte de que nos pareceu moi bonito e chamativo).


O castelo de Vimianzo é unha fortaleza construída pola familia dos Mariño de Lobeira (os primeiros donos do castelo) entre finais do século XII e principios do século XIII. Unha das cousas que nos gustou moito destes primeiros donos foi a súa lenda. Esta lenda di que descenden dunha serea. O castelo era onde residía o señor das terras. Aquí exercíase o poder, o cobro dos tributos, a administración de xustiza e a cadea.

Na entrada do castelo atopámonos cun foxo (a función deste era mellorar o sistema defensivo rodeando o castelo de auga e cunha soa entrada a través dunha ponte levadiza) e máis adiante cunha entrada de pedra na que se pode diferenciar un escudo esculpido. Este escudo está dividido en dous: nunha metade aparece un martelo (símbolo dos Martelo, outros donos do castelo) e na outra aparece un lobo (símbolo dos Moscoso, outros donos do castelo).
Tamén na entrada cara o patio de armas atopamos outros dous escudos: o do lobo e o das rodelas (símbolo dos Castro, familiares dos Moscoso e tamén outros donos do castelo).

A fortaleza ten unha planta poligonal e está rodeada por unha muralla. Ten catro torres, tres delas están construídas case fóra das murallas e a outra está construída cara dentro. Esta torre é a máis vistosa e tamén é a parte que máis nos gustou do castelo, xa que puidemos subir e dende alí víase moi ben Vimianzo. É a torre da Homenaxe.

No interior do castelo está o patio de armas, onde se erguen varias construcións que serían a vivenda, a cociña, o forno e o cárcere.
Unha curiosidade que nos chamou bastante a atención foi que descubrimos que cada ano celébrase unha festa chamada “Asalto ao Castelo” que ten lugar o primeiro sábado de xullo que recrea as Revoltas Irmandiñas que tiveron lugar en toda Galicia, pero sobre todo no castelo de Vimianzo no século XV, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais.

Roteiro Pondaliano: O Castelo de Vimianzo, de Uxía Costa e Lorena Rodríguez

IMG_20170425_105058.jpg
O 25 de abril de 2017 o alumnado de 2º da ESO realizou nas Terras de Bergantiños o Roteiro Pondaliano. Entre os lugares que visitamos estivo o castelo de Vimianzo. Velaquí a crónica que Uxía Costa e Lorena Rodríguez fixeron da saída, acompañada das súas propias fotografías:


IMG_20170425_102011.jpg

Na visita ao castelo de Vimianzo tivemos un guía que nos ía explicando todo o que viamos.
Recibiunos fóra onde nos deu unha pequena introdución dicindo que o castelo estaba situado preto da vila para poder vixiar mellor á poboación e que aos habitantes non lles quedara moi lonxe, sendo así máis doado cobrar as rendas.

Despois pasamos ao foxo, onde había unha ponte levadiza para que o castelo fose máis seguro e nada máis entrar está a Torre da Homenaxe, que xunto co Patio de Armas é o único que se conserva da fortaleza inicial.

IMG_20170425_101913.jpg

Fomos dando unha volta á muralla mentres o guía nos explicaba que o castelo foi construído polos Mariños de Lobeira (XII-XIII), e que no escudo que esta na porta principal,aparece unha cabeza de lobo, representando a esta familia. Explicounos como vivían e como se defendían, e que as poucas fiestras que había, se fixeran posteriormente, xa que se non, sería moi fácil atacar o castelo.


Despois, o castelo, pasou a mans dos Moscoso de Altamira. No ano 1465 comezou a guerra dos Irmandiños, e neste mesmo ano, o castelo serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Afonso de Fonseca II, durante dous anos, por orde de Bernal Sánchez de Moscoso. No 1467, o castelo foi asediado e derrubado polos irmandiños.


No século XIX o poeta Evaristo Martelo reconstruíu e reformou o castelo, que o transformou en casa de verán, onde aproveitaba para escribir. En 1973 a Deputación da Coruña comprouno e restaurouno, polo que agora se pode visitar e hai unha exposición de encaixe.


Despois deixáronnos un tempo libre que aproveitamos para visitar o castelo por dentro, onde había un paneis interactivos cos nomes de faros, vilas, etc. e onde vimos a mostra do encaixe. Tamén subimos á muralla e á Torre da Homenaxe, dende a que se ven os cimentos do que era a torre inicial do castelo e a parte hai unha gran vista de todo Vimianzo.