mércores, 30 de marzo de 2016

María Casares

María Casares: Residente Privilexiada. Un símbolo do teatro europeo do século XX. ‘Non escoitan máis que aqueles que queren verdadeiramente comprometerse’.

María Victoria Casares Pérez naceu o 21 de novembro de 1922 na Coruña, unha cidade chea de vida e movemento cultural naquela altura.

Filla de Santiago Casares Quiroga, con forte implicación política e institucional, fora lider e fundador da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), e quen, despois de xestionar varios ministerios no goberno da II República española, tivo que asumir a presidencia do goberno do estado entre maio e xullo do 1936, marchou a Francia, con tan só 14 anos, fuxindo da barbarie golpista do 1936, instalándose en Paris xunto a súa nai, Gloria Pérez, sen coñecer máis que unhas poucas palabras en francés.

De aí a pouco decidiu adaptarse e reinventarse á nova realidade na que lle tocara vivir, de tal xeito que pasou a ser María Casarès, soterrando, durante un tempo, a bagaxe cultural e vital que poideran constituir un atranco neste proceso. Despois da aprendizaxe do novo idioma mergullouse con intensidade no teatro, comezando os estudos de arte dramático no Conservatorio de Paris, deixando abraidos aos seus mestres coas súas interpretacións, marcadas por un sotaque galego que non foron quen de arrincarlle.

Finalmente no ano 1942 debuta no Teatro Mathurins como primeira actriz obtendo unhas críticas excelentes e deixando engaiolado ao mesmísimo Albert Camus. Comeza así a triunfar no teatro francés durante a década dos corenta, anos difíciles na capital francesa, ocupada pola escuridade nazi e na que nai e filla atoparonse con dificultades para sobrevivir. No 1944 inicia unha relación con Albert Camus converténdose tamén na protagonista de moitas das suas pezas teatrais e na musa do existencialismo francés. Ademais de Camus, María Casares enchía os escenarios parisienses interpretando textos de Chéjov, Dostoievski, Synge, Ibsen, Sartre, ou clásicos como Shakespeare ou Eurípides.

No 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Popular, compañía pública cunha forte preocupación social, unha aventura colectiva e ilusionante que dirixía Jean Vilar. O cinema tamén ofrecía múltiples posibilidades e iniciase nel co clásico de Marcel Carné ‘Les enfants du paradis’. Tamén traballou con directores como Jean Cocteau ou Robert Bresson.

María Casares pasa a ser considerada, xunto a Edwige Feuillère e Madeleine Renaud, das tráxicas francesas máis notabeis da súa xeración. A morte tamén foi algo que marcou a súa vida sendo moi nova, primeiro a súa nai, despois seu pai, que chegara enfermo a Francia despois do seu exilio británico e, posteriormente, no 1960, Albert Camus

Participou activamente na creación e potenciamento do Festival de Avignon, de feito unha praza desta cidade leva o seu nome. Despois de xiras por diferentes lugares do mundo, a finais do setenta, decide instalarse na súa espléndida vila de Allou e centrarse nas memorias que publica co título ‘Residente Privilexiada’ nas que debuxa ate o mínimo detalle a infancia nunha Galiza á que nunca voltou. No 1989 recebe o Premio Moliére á mellor actriz de teatro e foi tamén nominada aos Cesar, ademais recibiu do goberno francés a Medalla ao Mérito de Belas Artes e foi condecorada coa Lexión de Honor francesa.

Concedéuselle o título de filla predilecta da Coruña, a medalla Castelao e no 1996 acepta que os premios nacionais de teatro galego leven o seu nome mais a morte impedíulle asistir á primeira edición. Hoxe celébrase a XX edición destes premios María Casares e tamén 20 anos do seu falecemento. Un día , unha muller!

Copiado do Facebook de Isabel Risco

Ningún comentario:

Publicar un comentario