sábado, 25 de novembro de 2017

DILLO TI

Eis algunhas das cartas  coas que o noso alumnado participou no concurso deste ano.





CARTA A UN MALTRATADOR
Para ti, maltratador:

Que o es, que lle pegaches, que a humillaches, que a menosprezaches...por que, por que a maltratas?Dirás que a culpa é súa, que te está volvendo tolo, que ti só intentas educala e por riba chora, que vive do teu soldo.

Por que se queixa? Preguntaraste. Voucho dicir: quéixase porque non vive , porque fas que se sinta inferior, mala, fea.... Acovárdala, ameázala, dáslle patadas... Patadas que eu tamén sufría.

Mais todo iso rematou un día:

Eran as oito da mañá, mamá estaba sentada no sofá, morta de sono, cansa de limpar, de fregar, de cociñar, con olleiras. Non durmira en toda a noite por medo a que apareceses, a que chegases e che apetecese pegarlle para ocultar a túa borracheira, como facías habitualmente. Ela seguía alí, resistindo; xa limpara a TÚA casa, planchara a TÚA roupa, lavara os TEUS pratos. Mentres, eu durmía, mais acababa de espertar. Porque,de súpeto, oíuse como metías a chave na pechadura, abriuse a porta e apareceches ti, coa camisa por fóra, vociferando. Mamá tiña medo, e eu tamén. Porque por moitas veces que viviamos esta escena, nunca nos acostumabamos a ela. Ás veces mamá pensaba "e se se lle vai a man e me mata?" Pero cría que tiña que aguantar, que ti eras bo porque lle dabas unha casa e unha " vida". Eu intentaba explicarlle como eras e realidade, que podiamos fuxir os dous, pero non era quen de darme a entender.
Ti aínda non acabaras a festa, querías máis e agarráchela. Mamá díxoche que non era o momento, que estaba cansa. Pero ti seguías coas túas, baixácheste os pantalóns... Pero esta vez o final ía ser distinto, mamá agarroute e deuche unha bofetada. Aínda recordo a túa cara nese momento, estabas confuso, ela nunca se negara a nada, e sorprendeute.
Nese momento mamá e máis eu marchamos correndo da casa, durmimos durante uns meses na casa da tía. Mamá denuncioute e deixou que a xustiza resolvese todo.
Agora, que sei que estás no cárcere diríxome a ti. Escríboche esta carta para dicirche que eu nunca fun quen de pronunciar a palabra "papá", que non estou orgulloso de levar o teu apelido, que cando todos os compañeiros da clase presumen de seus pais, eu teño que calar e chorar, choro de impotencia, choro porque sei que o meu pai non é unha persoa, é un monstro.
Mamá tivo o valor de fuxir e resolver o problema, pero hai moitas mulleres que seguen sufrindo por culpa de persoas coma ti. Eu non  estou disposto a permitilo. Por iso, agora máis que nunca:

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

ÓSCAR NÚÑEZ MAYO, 3º C

Ningún comentario:

Publicar un comentario